Trasno no «Ben Falado!»

O espazo televisivo do Ben falado! de hoxe estivo adicado ao Proxecto Trasno.  O xa veterano programa da grella da TVG Ben falado!
é un microespazo diario de cinco minutos adicados á lingua galega e
presentado por Xesús Ferro Ruibal,  académico do centro Ramón Piñeiro.  O capítulo emitido hoxe, día 29 de Xullo,  foi rodado en Maio contando coa colaboración dalgúns dos membros do proxecto e nel tivemos a oportunidade de facer un pequeno repaso ao que é o noso proxecto e da dirección na que esperamos que avance.

Se queredes visionar o programa dirixídevos a sección do programa no sitio da CRTVG televisión á carta ou empregade esta ligazón cun reprodutor de vídeo, coma o VLC ou o SMPlayer.

trasno no ben falado!
Algúns dos membros do Proxecto Trasno. De esquerda a dereita: Miguel Branco, JM Castroagudín, Indalecio Freiría, Leandro Regueiro, Fran Diéguez e Antón Meixome.

Desexamos que o espazo servira para darnos a coñecer ao público xeral e para divulgar o noso labor no eido da lingua. Agardamos que, dun xeito ou outro, vos anime a colaborar connosco. 

Dende trasno queremos agradecer a amabilidade e profesionalidade de todo o equipo do Ben falado!, moi especialmente  á Maria Carballeira.

Acaba de publicarse openSUSE 11.3 e témola en galego

Acaba publicarse a última versión da distribución openSUSE e trae moitas melloras entre as que se poden resaltar as últimas versións dos ambientes de escritorio máis populares e versións actualizadas do software máis usado.

O equipo de tradución de opensuse de Trasno, formado por Manuel A. Vázquez, Leandro Regueiro, Miguel Branco, Enrique Estévez, Xosé Calvo, Óscar Abilleira Muñiz, Chema Barcala, Andrés Elías Feijóo Lorenzo e Karl García Gestido conseguiu chegar a un nivel de tradución do 84% o que supón estar entre as 20 linguas con bo soporte lingüistico. Esperamos en sucesivas versións mellorar a calidade das tradución e chegar a un soporte completo.

captura de pantalla de openSUSE 11.3

A nova versión de openSUSE inclúe compatibilidade con sistemas de 32 e 64 bits e unha chea de nova características e actualizacións entre as que podemos citar a inclusión de SpiderOak para a sincronización de balde de ficheiros a través de Internet, indexación mellorada con Tracker, actualizacións en Mozilla Firefox e Thunderbird e moitos outros programas. Outras características son a compatibilidade para o sistema de ficheiros Btrfs e para miniportátiles. Ademais os usuarios poderán gozar dunha mellor compatibilidade co hardware grazas ao uso do kernel Linux 2.6.34 e controladores gráficos actualizados e a nova e mellorada compatibilidade para a última xeración de dispositivos con pantallas táctiles.

openSUSE distribúese cos tradicionais ambientes de escritorio KDE, GNOME e Xfce e ademais tamén inclúe o novo ambiente de escritorio LXDE como novidade. Respecto a GNOME o usuario terá a posibilidade de usar a versión 2.30.1 ou instalar unha versión previa do futuro GNOME 3.0. Tamén poderá gozar de KDE SC 4.4.4 cas últimas actualizacións. Independentemente da opción escollida o usuario poderá gozar da integración e limpeza pola que é recoñecida a distribución openSUSE.

Para os servidores e plataformas de desenvolvemento os administradores poden aproveitar ao máximo os novos servizos MariaDB e MySQL Cluster así como tamén usar Conntrack para filtrar os paquetes de rede. Os desenvolvedores agradecerán a plétora de ferramentas dispoñibles entre as que podemos citar GCC, GDB e MONO e IDEs como Netbeans, Qt-Creator e moitos outros. Todo isto aproveita as incontables bibliotecas dispoñibles a través do openSUSE Build Service (OBS).

Esta nova versión pódese descargar dende a sección de descargas de openSUSE.

Como sempre convidámosvos a participar na tradución desta distribución ao noso idioma. Os interesados poden visitar a sección do noso web sobre deste proxecto de localización, que coordinan Manuel A. Vázquez e Leandro Regueiro, os cales vos poderán informar de como podedes colaborar.

A Eduard Punset gústalle o Cinestable

punsetOs rapaces da asociación Inestable veñen de anunciar que a Eduard Punset lle gusta o Cinestable, o primeiro festival de curtas con Creative Commons que se fai en terras galegas (e a trasno tamén ;) ). O polifacético catalán regaloulles a súa última obra de divulgación «A viaxe ao poder da mente» cunha dedicatoria, do seu puño e letra, para o festival . 

Algún afortunado de entre o público que asista a gala do día 5 poderá levar a casa o exemplar asinado por Punset. Será alguén de entre todos aqueles que participen na votación do premio do público a mellor curta do festival quen poida saborear esta lectura que descobre nunha «viaxe intima» os misterios do funcionamento da mente humana cun exemplar asinado polo autor. Esta obra pecha a triloxía composta por «A viaxe á felicidade» e «A viaxe ao amor», ambas grandes exitos que veñen de abraiar a millóns de lectores. Para alguén que  é xurista, escritor, economista e político tal éxito demostra ademais que é un brillante divulgador científico. Sen dúbida, un bo regalo.

Aproveitamos para recordar que a AC Proxecto Trasno participa nesta iniciativa co premio á mellor curta en galego. Animámosvos a presentar as vosas cintas en CC e senón a vernos na gala deste próximo día 5 na vila de Ordes!.

Nova rolda de coordinación das traducións ao galego do GNOME

1887686781_0e61f0d068Logo dun proceso de votación dentro do grupo de tradutores de GNOME ao galego xa fai uns cantos meses e trala súa solicitude, a GNOME Foundation acaba de concederlle ao grupo de tradutores a rolda oficial gnome-gl-list almacenada nos seus servidores.

O novo enderezo da rolda é: http://mail.gnome.org/mailman/listinfo/gnome-gl-list 

Para enviar mensaxes a esta rolda pódese enviar un correo ao enderezo: gnome-gl-list en gnome.org.

Esta nova rolda ven a substituír a antiga rolda gnome@g11.net e pasará a ser o punto central de discusión e desenvolvemento do GNOME en galego usando a mesma infraestrutura que os compañeiros doutros idiomas levan usando dende fai bastante tempo.

O propósito desta rolda é ser o punto central onde os usuarios de GNOME en Galego poidan enviar erros de tradución e para os integrantes do grupo ter un punto centralizado de coordinación das traducións. Ademais ao estar aloxados nos servidores de GNOME permitimos que os membros ou supra-coordinadores de GNOME poidan ter un acceso directo connosco. 

Nos vindeiros días tentarase importar as anteriores mensaxes que estaban en primeira instancia na rolda de Mancomun e na actual gnome en g11n.net

Saiu Mandriva Linux 2010.1, e témola en galego

Mandriva Linux
Mandriva Linux, a distro de base francesa, acaba de liberar a versión 2010.1 "Spring". Esta versión "máis rápida e máis sexy" da veterana distribución sae en tres versión diferentes (One Edition, Free Edition e Powerpack), para 32-bits e 64-bits e con GNOME e KDE Plasma SC. Para todos aqueles que queiran probar Linux por primeira vez, Mandriva é unha opción a considerar seriamente.
Os galegos podémola desfrutar na nosa lingua grazas ao traballo do trasnego Alejo Pacín, que continua a tradución noutrora realizada por Leandro Regueiro. Esta versión chega co 78% de interface traducida o que coloca o galego entre as 25 idiomas con bo soporte lingüístico para esta versión da distribución.
Mandriva Linux 2010.1 "Spring" ofrece novidades coma a conta de convidado, un novo método de instalación e un mellorado Mandriva Directory Server. Incorpora recentes versións de aplicativos ben coñecidos coma Mozilla Firefox 3.6.6, OpenOffice 3.2 ou os navegadores Chromium e Opera. Tamén Moovida, un centro multimedia.
Mandriva 2010.1
A versión co contorno de escritorio GNOME 2.30.1, incorpora un anticipo do novo Gnome-Shell, a nova interface gráfica do contorno que revolucionará a interacción do usuario co escritorio e que veremos desenvolta ao completo na futura versión 3.0. Ao escritorio GNOME incorpóranse o editor de vídeo PiTiVi e o cliente de mensaxería Empathy, en substitución de Pidgin. 
Os que elixan o contorno de escritorio KDE atoparanse coa versión KDE Plasma SC 4.4.3, unha versión moi sólida e estable da nova serie de KDE. Con este escritorio atoparémonos, entre outros, coa integración do escritorio con Nepomuk, a novidosa tecnoloxía do escritorio semántico, a navalla suíza da reprodución de son Amarok 2.3.1, o xestor de finanzas persoais Skrooge, Kopete e KMess como clientes de mesaxería, a suite ofimática KOffice 2.2.0 e o xestor de fotografías Digikam 1.3.0. Mandriva é unha das mellores distribucións integrando KDE SC.
Mandriva 2010.1
Para aquelas máquinas con poucos recursos tamén hai dispoñible a versión da distribución con Xfce, un contorno de escritorio lixeiro.
Se es un devoto desta distribución e che interesa participar na súa tradución ao noso idioma, visita a sección do noso web sobre deste proxecto de localización, que coordina Alejo, e infórmate de como axudarlles. 
PD: Tedes información máis detallada no web de Mandriva e no blogue de Alejo. Podedes descargar a distro dende aquí.

A AC Proxecto Trasno celebra a súa 1ª asemblea ordinaria do ano

logo

«Dende a directiva da AC Proxecto Trasno queremos informar de que  este Sábado 17 de Xullo ás 16:30 no Centro Cívico de Monelos, na Cidade d'A Coruña, celebramos a primeira asemblea ordianaria do ano. A esta asemblea están chamados todos/as os/as socios/as para decidiren sobre da orde do día. Porén queremos facer extensivo este chamamento a todos/as os/as localizadores/as ao galego que non forman parte da asociación para que poidan coñecernos, preguntarnos e dar a súa opinión sobre dos temas que nos ocupan ou mesmo asociarse. 

Previo á cita celebraremos un xantar informal, así que no tocante ao persoal, está é unha xuntanza de amigos e compañeiros de grupos de traballo que espero que todos os asistentes desfrutemos. No tocante á asociación, dende a directiva esperamos que a asemblea nos sirva de catálise definitiva neste novo arrinque do Proxecto Trasno. 

Na asociación confiamos que neste ano de traballo marquemos as bases dun futuro próspero para a localización ao galego: renovando e ofrecendo novos espazos e servizos, recursos e apoio a todos os tradutores. »


Miguel Branco

Presidente da AC Proxecto Trasno

Para informarse ou preguntar sobre da reunión, póñanse en contacto neste enderezo de correo.

Teñen un mapa detallado do lugar de encontro embaixo. 


Ver 1º Asemblea de Trasno 2010 en un mapa más grande

MeeGo acada o 100% na súa localización ao galego da man de Proxecto Trasno

MeeGo-1O núcleo de MeeGo o S.O. libre para equipos portátiles dos tipos netbook, smartphone, integrados en vehículos,  etc... que ven ser o proxecto resultante da fusión de Moblin (Intel) e Maemo (Nokia), hospedado pola Linux Foundation, ven de quedar traducido ao 100% ao galego.

Salientar que, neste momento, o galego é o unico idioma que acada a súa total tradución.

A tradución de MeeGo levase da man do seu coordenador, Felipe Xil, desde Proxecto Trasno e nel colaboran Xose Calvo e Miguel Anxo Bouzada. Traducese a traves dunha interface en "Transifex" que permite o traballo en local, co que resulta moi doado e sinxelo o seu mantemento.

Só nos queda agardar que integren o antes posíbel este traballo nas actualizacións da actual versión 1.0

Engadir que a empresa lider en telefonía mobil no noso estado (e nalgúns outros) vai dar apoio a plataforma MeeGo

Parte do exito da tradución correspondelle ao equipo de Gnome, xa que MeeGo emprega actualmente este contorno, aínda que está a traballar tamén nun contorno baseado en KDE/Qt empregando Plasma

O Proxecto Trasno estivo nas VII Xornadas de Software Libre de Mugardos

A veterana Comunidade do Zulo de Mugardos, que traballa dende o dende o 2003 puxando polo software e a cultura libre, quíxonos convidar este ano ás súas VII Xornadas de Software Libre, que se celebraron este pasado 26 de Xuño na casa do Concello de Mugardos. 
4745041721_0a06b09abc

Alí puidemos desfrutar do programa preparado que incluía: 

  •  Achegamento a Ubuntu 10.04 - Oscar Amor
  • Drupal, máis que un xestor de contido - Alberto Permuy
  • Presentación Asociación Comunidade O Zulo
  • Procesos de localización ó galego - Miguel Bouzada e Miguel Branco do Proxecto Trasno
  • P2P: estado actual, Somos todos piratas? - Carolina Montero
  • Dominios interoperábeis. A convivencia é posíbel: Sistemas libres e privativos. Asociación Ghandalf (Roberto Vieito)
e como non, desfrutar da compañía da xente da comunidade. Dende o Proxecto Trasno agradecémoslle ao Concello de Mugardos e aos amigos da Comunidade do Zulo a súa amabilidade e simpatía. Para calquera que se acerque a Mugardos agora podémoslle recomendar unha visita ao peirao e o polbo que se prepara na vila. 
As xornadas foron retransmitidas en liña ao vivo e podédelas ver de novo nesta ligazón, incluíndo o noso relatorio, claro está

GALPon MiniNo chega a súa 1.2 RC1

minino-2

Os desenvolvedores da distribución Linux GALPon MiniNo acaban de anunciar que está dispoñible a versión 1.2 RC1. Nesta nova fase de desenvolvemento hanse depurar os erros antes do lanzamento final da nova versión 1.2. Dende o proxecto piden xente que colabore probando a distribución e informando deses erros que aínda poida haber.

GALPon MiniNo, nada no 2008 da conxunción de dous proxectos independentes,  é unha distribución pensada para ordenadores con poucos recursos de hardware e construída sobre dunha base Debian Lenny. Emprega un entorno de escritorio construído con ROX-Filer e IceWM e ven xa con aplicativos lixeiros para traballos ofimáticos e multimedia. A distribucións está patrocinada polo grupo de amigos de Linux de Pontevedra, GALPon.

fetch.php?w=800&h=&cache=cache&media=pantallazos:pantallazo-12-rc-1

A distro do gatiño, con alma entre galego e andaluza, convértese con cada lanzamento na única derivada de Linux que sae cento por cento na nosa lingua, amais de en castelán. 

Dende o Proxecto Trasno mandámoslles as nosas felicitacións aos desenvolvedores e desexámoslles moito éxito na nova versión.

Visitade a páxina do proxecto e descargádea!.

Inestable convoca o "I Festival Cinestable", e Trasno estará alí

minnelli_logoOs nosos bos amigos de
Inestable acaban de convocar o
I Festival de curtametraxes Creative Commons Cinestable
, que se celebrará este vindeiro 5 de Agosto en Ordes.  Os trasnegos teremos o inmenso pracer de poder estar alí apoiando esta pioneira iniciativa galega!. 

Cartel do Cinestable

O festival, que se celebrará no auditorio da Casa da Cultura de Ordes, A Coruña, consta dun concurso de curtametraxes e unha gala de proxección de cine con licenza Creative Commons, onde se proxectarán as mellores cintas a nivel mundial. O festival rematará coa entrega dos premios ás mellores curtas. A entrada ao festival está aberta a todo o público: así que non faltedes!.

Para o concurso, calquera que presente unha cinta con licenza CC pode optar a levarse os máis de 800€ en premios que conceden os Inestables. Cintas en calquera lingua e calquera temática de calquera produtor do estado serán válidas. Os trasnegos estaremos alí para outorgar o premio á mellor curta en lingua galega!. 

O prazo de entrega de cintas xa está aberto. Se tes unha curta licenciada en Creative Commons, preśentaa e senón ainda podedes discorrer un pouco, facer un guión, coller unha cámara e producir unha. Amateur ou profesional, todo vale.  Visita a páxina do concurso para coñecer as bases e como entregar a cinta.

A Asociación Inestable leva case unha década promocionando o software libre e a cultura libre na comarca de Ordes.  Dende trasno desexámoslle moita sorte con esta novidosa iniciativa!.